CAMPIONATO GALEGO DE REMOERGÓMETRO
|
|
O pasado domingo 14 de xaneiro, celebrouse nas instalacións do Polideportivo do Cristo en Mugardos (A Coruña), unha nova Edición do Campionato Galego de Remoergómetro. Cunha participación de 135 remeiros e 10 Clubs, celebrouse o Campionato Galego de Remo Indoor para as categorías de Alevín, Infantil, Cadete, Xuvenil e Senior, tanto Feminino coma Masculino, que unha vez máis fixo gozar ao respectable alí presente cunhas regatas moi disputadas e emocionantes. Pola mañá, tocoulle abrir rolda de competicións á categoría Alevín Feminino, e tamén lles tocou a estas enormes remeiras darnos o que ía ser a pauta do resto da xornada, cunha demostración clara do que significan palabras como “loita”, “entrega” e “pudonor” nunha competición que nos puxo aos presentes o corazón nun puño ata a última palada, pois as 3 remeiras do Club Remo Ares, que ao cabo coparían por completo o podium de medallas, fixeron as delicias dos afeccionados entrando en meta cunha diferenza de tan só 4 segundos entre o Ouro e o Bronce.
A continuación tocoulle a quenda á categoría Infantil Feminino xa sobre unha distancia de 1000 m , e a diferenza de tan só 2 décimas de segundo entre as 2 primeiras ou que a terceira entrase a 8 décimas da primeira creo que o di todo, unha regata de infarto. Na categoría de Infantil Masculino as diferenzas entre os participantes foron algo maiores, pero non por iso a proba foi menos emocionante, pois foi digno de ver a forza coa que remaron os participantes, ninguén dos alí presentes acabábase de crer que uns infantís fosen capaces de aguantar os 1000 m con aquela tremenda intensidade, e todo o mundo estaba pendente de ver quen sería o primeiro en “pinchar” polo tremendo ritmo e empuxe que estaban levando, cousa que non ocorreu, logrando unha regata que nos deleitou a todos. Nas rapazas Cadetes máis do mesmo, e iso que a distancia xa son 2000 m , por unha banda a magnífica loita de 2 remeiras que xa son unha realidade do futuro do remo español e que mantiveron a “pelexa” ata o último metro entrando cunha diferenza de apenas 1,5 segundos entre ambas e cun tempo de quitarse o chapeu, e doutra banda a pelexa polo cuarto posto, onde 3 remeiras en tan só 1,2 segundos creo que o di todo.
Outra bonita regata foi a que nos brindaron as mozas Xuvenís e as Senior, malia que houbo unha escasa participación en ambas categorías o que motivou que remasen xuntas, pero que tamén deu a oportunidade ás máis novas de medirse coas maiores e mostrarlles que é o que vén por detrás e que non deben durmirse, como onte quedou patente durante toda a proba na que as xuvenís trataron de ti a ti ás senior. Quizais a regata que máis hai que destacar pola repercusión do resultado final sexa a da categoría Xuvenil Masculino, nesta proba Óscar Alonso do Club Remo Robaleira e Internacional coa Selección Española Xuvenil no último Campionato do Mundo da categoría, estivo a punto de bater o Récord de España de ergómetro Xuvenil, que está nun tempo de 6:10, e que o remeiro pontevedrés case bate xa que fixo un tempo de 6,11.2 malia que aquí non tivo rival e, polo tanto, é moi probable que poida superalo no próximo Campionato de España onde atopará riváis máis próximos ó seu nivel. A emoción á proba puxérona o resto de competidores, 2 décimas entre o 2º e o 3º, outras 2 décimas entre o 4º e o 5º, e así con todos o participantes que fixeron interesante a proba ata as súas últimas chegadas a meta.
Xa pola tarde, comezaron as espectaculares competicións de relevos por equipos. Esta modalidade consta equipos formados por 4 remeiros que reman no mesmo ergómetro, polo que teñen que alternarse durante a proba. O momento do relevo é o máis espectacular e o momento crave onde se pode chegar a decidir a competición. Nestas probas o tempo logrado non é tan importante como o é na proba individual, pero aínda así hai que destacar o grandísimo nivel mostrado polos gañadores nas categorías Cadete, Xuvenil e Senior Masculino, que cuns parciais importantes e uns cambios case perfectos lograron tempos case tan espectaculares como o é a proba en si. |
|
Resultados Individuais (arquivo PDF) |
Resultados por Equipos (arquivo PDF) |